IX ÉPOCA

26.11.13

Corina Porro e os excluídos (a propósito da súa asistencia á homenaxe a Antón Bouzas)

Diversos colectivos e compañeiros de traballo tributáronlle unha sentida homenaxe, con motivo da súa xubilación como funcionario municipal, a Antón Bouzas. Antón é un vello e activo loitador en favor dos máis desfavorecidos, tanto no exercizo do seu labor profesional como terapeuta ocupacional no Centro de Drogodependencias municipal (CEDRO), como dende a súa acción nos colectivos sociais que como Sereos do Casco Vello ou o Imán, deben moito a esta exemplar persoa.

Dinme que Antón non desaproveitou a oportunidade para denunciar, de novo, a ignominiosa retirada, por parte do goberno municipal de Abel Caballero, do local de Sereos na rúa Elduayen, no que se daba "calor e café" e se intercambiaban xeringuillas vellas por novas, ás persoas en situación de exclusión social. Unha acción municipal realizada torticeiramente, con mentiras, sen piedade, para contentar aos comerciantes da zona, obsesionados por eliminar da praza da Princesa e do centro urbano -como se iso fose posible con só pechar os ollos á realidade- a "mala imaxe" dos senteito. Meses antes, tamén Santiago Domínguez (BNG) era sensible ás demandas cos comerciantes e propoñía botalos a base de ordenanzas municipais.

Cóntanme que Corina Porro asistíu a esa homenaxe e, ademais, interviu dende o público, micro en man, para exaltar o labor de Antón (e de paso poñerse flores a ela mesma, ¡faltaría máis!). Segundo escoitaba ao meu interlocutor relatarme tal cousa, e os inxenuos aplausos que remataron a súa intervención, remexíanseme as vísceras ao asaltalas a miña memoria: Corina Porro foi a primeira que tentou eliminar (con medios máis sutiles, como corresponde ao seu oportunismo) da praza da Princesa aos senteito. Era o ano 2004 e, seguindo as súas instruccións como alcaldesa, e as mesmas presións dos comerciantes da zona, ordeaba a retirada de tódolos bancos da praza (bancos que estaban completamente novos) para disuadir aos pobres e marxinados de durmir e sentarse neles. Moitos meses máis tarde, ante a presión dos colectivos veciñais e sociais, repúxoos, iso si, con trampas para evitar poder deitarse neles.

Fotograma de Viridiana, de Luis Buñuel
Seguía así a súa práctica de eliminar molestias no Centro, empezada e continuada nas obras de "humanización" do ensanche, nas que colocou centos de caros maceteiros e alcorques (un costume que comezou en Manoel Soto e Agustín Arca e que ten o seu más fervoroso continuador en Abel Caballero) de granito venezolano, pero nin un só mísero banco.

Escribía eu, en 2008, este comentario a unha entrada de Vigoblog, ao fío da emisión do programa Callejeros adicado ao noso Casco Vello:

Un día C. Porro retirou os bancos da praza da Princesa, mentíu descaradamente dicindo que era para reparalos (estaban novos). Non foi quen de dicir que o facía para evitar que se sentaran neles mendigos, pobres, ionquis, vellos, tolos. Agora non hai bancos en todo o centro, nese centro de flores e granito vermello construído á súa imaxe e semellanza: lindo por fóra, cheo de merda por dentro. Para que non se senten os vellos, nin as putas, nin os ionquis, nin os borrachos, nin os tolos, nin os vellos... nin para que os vellos paseen. Para non danar a vista dos catro cachorros da burguesía sobrevenida que aínda viven na milla de ouro. Nesa milla de ouro na que, dentro de poucos días, e por obra e gracia de C.Porro e Caballero, terán imposible vivir asediados pola guerra civil montada para perforar o mundo e enchelo de lucrativos parkings dos novos ricos de Tranvías. Eses sí que son baixos fondos. 
(...) 

 Aos excluídos gústanlle os centros das cidades. Ese estrano paradoxo polo que aman a liberdade á vez cá miseria, failles ter querencia polos espazos peonís, as bancadas de madeira, os currunchos nos que cheire á vez a koes e a cultura. Os yonkis, por razóns de economía espacial, están preto dos lugares de distribución. (...)
Os marxinados, as putas, os yonkis, os alcohólicos, os inmigrantes sen recursos, fanse cargo do seu espazo, son libertos dos lugares que o Mercado lles deixa temporalmente para que cumpran coa santa misión de expulsar do barrio as veleidades conservacionistas dos catro idealistas de sempre.
Que a merda acompañe para sempre aos necios que encobren a súa responsabilidade e ignorancia con estúpidas declaracións sobre as bellezas ocultas da praza da Constitución e o carácter xenerador dos pinchos de mexillón. 


Corina Porro non merecía estar quel día no acto que aunque adicado a Antón Bouzas, o estaba realmente ao Grupo Imán, aos Sereos do Casco Vello, aos excluídos, aos pobres, os ionquis, as putas, os alcohólicos e demais danos colaterais do capitalismo, que vagan pola conciencia fría e impune de persoas sen escrúpulos como Corina Porro.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Corina Porro has sido una alcaldesa nefasta...fue tambièn la que puso una jardinerìa de muy mal gusto a base de palmeras wasintonias que en una ciudad gallega no pengan ni con cola...una sociòpata y hortera patològica.